A Escola Galega do Deporte volve á actividade no CGTD

Pontevedra
07 de xullo 2020

Un total de 25 alumnos das federacións deportivas galegas de halterofilia e remo fórmanse na instalación pontevedresa sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios

Xornada de formación da Escola Galega do Deporte no CGTD Secretaría Xeral para o Deporte

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva vai recuperando aos poucos as súas diferentes actividades tras a reapertura. A última nesta lista é a de formación, co regreso das sesións do Centro Público Escola Galega do Deporte, un centro recentemente reactivado pola Secretaría Xeral para o Deporte co apoio de UFEDEGA tras case unha década sen protagonizar actividades formativas.

A instalación pontevedresa acolleu xa as primeira prácticas dentro dun programa de primeiros auxilios aplicados á práctica deportiva.

En concreto 25 alumnos das federacións deportivas galegas de halterofilia e remo fórmanse sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios.

Tras esta primeira quenda, o sábado 11 de xullo tomarán a testemuña o alumnado das federacións de boxeo e kárate, e o sábado 18 tocaralle aos alumnos de kickboxing, loita e taekwondo.

A Escola Galega do Deporte promove e autoriza os ensinos deportivos co obxectivo de que deportistas galegos se formen e obteñan titulación oficial de adestrador deportivo de Nivel I, II ou III do deporte correspondente.

Neste caso particular os ensinos correspóndense a un bloque común de nivel I dentro dun curso deseñado cunha duración de 5 semanas, estando previsto que ata 107 deportistas cheguen a ser adestradores de Nivel I sen ningún tipo de custo engadido máis aló da tramitación burocrática.