A Escola Hungaresa suma unha dobre medalla de bronce no Campionato de España Infantil de Esgrima

Pontevedra
04 de xuño 2019

Pilar Garnelo e o equipo de sabre feminino conseguiron subir o podio no Nacional celebrado na localidade gaditana de Chiclana de la Frontera

Equipo da Escola Hungaresa no Campionato de España Infantil de Esgrima Escola Hungaresa de Esgrima

Gran resultado o conseguido a fin de semana pola Escola Hungaresa de Pontevedra no Campionato de España de Esgrima Infantil celebrado na localidade gaditana de Chiclana de la Frontera.

O conxunto pontevedrés participou na cita con sete deportistas e dous equipos, conseguindo subir ao podio en dúas ocasións, cos bronces para o conxunto de sabre feminino e a nivel individual de Pilar Garnelo.

A propia Garnelo e Leyre Grande foron as respresentantes do club no sabre feminino individual. Ambas as dúas se clasificaron sen problemas na fase de grupos accedendo ás eliminatorias nos postos 7º e 14º respectivamente.

Garnelo estivo exenta no primeiro cruzamento, mentres que Grande tivo que disputar un asalto contra a madrileña Natalia Rueda, á que venceu por 15 tocados a 2. Con todo na seguinte rolda non correu a mesma fortuna e cedeu 15-13 fronte á madrileña Lucía del Palacio, finalizando no 14º posto.

En canto a Pilar Garnelo, superou na súa primeira eliminatoria á a madrileña Elizabeth Whelan por 15 tocados a 5, e fixo o propio nos cuartos de final ante a tamén madrileña Lucía Jimeno (15-11). Xa na semifinal, Lucía del Palacio venceuna por 6 tocados a 15, tendo que conformarse cunha medalla de bronce que supón todo un éxito e que a confirma ademais no terceiro posto do ranking nacional.

Iago González, André Martín, Samuel Ogando e Juan Ocampo foron doutra banda os representantes do club no sabre masculino individual. Os dous últimos non superaron a fase de grupos inicial mentres que Iago González e André Martín clasificáronse en 24ª e 25ª posición respectivamente.

Nos cruces, Martín perdeu por 15 tocados a 13 fronte ao madrileño Diego Bustamante no cadro de 32 tiradores, mentres que o seu compañeiro avanzou superando a Manuel Ramón (15-6) e a Diego Bustamante (15-7) para plantarse nos cuartos de final, a un paso da pelexa polas medallas. Con todo González caeu no seu seguinte enfrontamento fronte ao catalá Marc Llobet (13-15) finalizando nunha notable 8ª posición.

COMPETICIÓN POR EQUIPOS

A segunda medalla pontevedresa no Nacional Infantil chegou na competición por equipos, no que o cadro feminino partía co número 4 da clasificación e o equipo masculino co número 7.

No primeiro encontro en final de 8, o equipo masculino formado por Iago González, André Martín, Samuel Ogando e Juan Ocampo caía eliminado fronte ao equipo da Sala de Armas Montjuic de Barcelona, por 45 tocados a 33, finalizando a súa participación na proba.

Na proba feminina, o equipo formado por Pilar Garnelo, Leyre Grande e Inés Silva mediuse primeiro ao Club de Esgrima Barajas gañando por 45 a 21, avanzando a unhas emocionante semifinais ante o Club de Esgrima Leganés que se decidiu en favor das madrileñas por un resultado en grao sumo igualado, 43 a 45.

Relegadas á pelexa polo bronce, as pontevedresas saíron vitoriosas no seu último asalto ao superar a El Escorial por 45 tocados a 31.