A Escola Xadrez Pontevedra ascende a División de Honra

Pontevedra
18 de abril 2016

O EXP Ramón Escudeiro Tilve retorna á máxima categoría autonómica cun equipo caracterizado pola xuventude, con tres xogadores de só 17 anos. Aseguran o ascenso a falta dunha xornada para o final da competición

Equipo EXP Ramón Escudeiro Tilve

Unha tempada despois a Escola Xadrez Pontevedra retorna á máxima categoría, a División de Honra. Fíxoo un dos seus equipos, o EXP Ramón Escudeiro Tilve, que asegurou a falta dunha xornada o campionato da Primeira División Galega.

O equipo pontevedrés desprazouse ata A Coruña para para enfrontarse ao CIDU, nun encontro en el que necesitaba un bo resultado para seguir mantendo a vantaxe co segundo clasificado. O resultado final foi de vitoria por 3 a 1, o que unido á derrota do Xadrez Rianxo deulle matematicamente o ascenso.

Un premio xusto a unha tempada na que o equipo da Escola Xadrez non perdeu ningún encontro, cunha formación na que destaca ademais a xuventude.

Tres dos catro xogadores do equipo teñen 17 anos. Son Alberto Portela, David García e Miguel Rodríguez, aos que acompaña o seu adestrador Daniel Rivera.

Na mesma categoría, a Primeira División, compite ademais o EXP Alexei Shirov, que venceu esta xornada ao Marín para colocarse na terceira praza da clasificación provisional.