A estadounidense Sierra Clark convértese no primeiro reforzo do Arxil

Pontevedra
31 de xullo 2018

A xogadora norteamericana actúa de ala-pívot e procede do baloncesto universitario do seu país, onde a última tempada defendeu as cores dos Wagner Seehawks de Nova York

Sierra Clarke, nova xogadora do Arxil NEC / NCAA

O baloncesto universitario norteamericano volve ser caladoiro de pesca para o Club Baloncesto Arxil, e é que de alí chega o seu primeiro reforzo para a próxima tempada.

Trátase da estadounidense Sierra Clarke, xogadora de 1,84 metros de altura que actúa como ala-pívot pero que tamén pode achegar no posto de 5, segundo asegura o club.

Clarke iniciará en Pontevedra a súa primeira aventura profesional tras completar a pasada tempada o seu ciclo universitario no equipo dos Wagner Seehawks de Nova York, onde foi unha das xogadoras máis destacadas da súa conferencia na NCAA, entrando no equipo ideal.

"Vén abalada por técnicos que a viron xogar na súa liga e creo que nos pode achegar moito", explica Lino Vázquez, xa que a idea do Arxil é que teña peso no equipo tanto en labores ofensivos como nas defensivos.

A entidade verde traballa agora na tramitación necesaria para facer efectiva a súa incorporación a principios do mes de setembro.

O de Sierra Clarke é a primeira das tres fichaxes previstas polo club, no que xa están confirmadas para a próxima tempada Arantxa Mallou, María Lago, Carla Fernández e Cristina Díaz-Pache.