A Federación Española denega a praza en Liga Feminina 2 ao Peixe Galego

Marín
26 de xuño 2020

O club marinense solicitara ocupar unha das prazas dispoñibles pola ampliación da segunda categoría do baloncesto nacional, pero a Federación optou por dar prioridade aos proxectos que competiron a pasada tempada en Primeira Nacional

Equipo feminino do Marín Peixe Galego
Equipo feminino do Marín Peixe Galego

O Marín Peixe Galego non contará, de momento, cun equipo na Liga Feminina 2, tal e como era a súa intención.

O club marinense prerexistrara ao seu equipo feminino na segunda categoría nacional, optando a unha das 16 prazas dispoñibles dentro do proceso de ampliación da  LF2. Con todo a Federación Española de Baloncesto (FEB) apostou por outros proxectos.

Tras analizar as propostas presentadas a comisión xestora do organismo federativo, reunida este venres 26 de xuño, decidiu priorizar aos equipos que a última campaña militaron na Primeira Nacional, requisito que non cumpría o Peixe.

Desta forma, ademais dos ascensos de Rosalía de Santiago e o Maristas Coruña confirmados recentemente pola Federación Galega, os novos equipos de Liga Feminina 2 serán: Viladecans BF, B The Travel Band, CB Adareva, CAB Estepona, Nou Basquet Paterna, Club Miralvalle, La Salle Melilla, Unió Esportiva Mataró, Joventut Badalona, Baloncesto Sevilla, Nou Basquet Castelló, Basket Zaragoza, CB Helios e Basket Almeda.

En todo caso queda unha pequena porta aberta para o Peixe Galego, xa que o club queda como segundo equipo reserva, por detrás do CB Andratx, por se se xera algunha praza vacante á hora de formalizar as inscricións definitivas.