A inauguración e o debut de España no Mundial Júnior de balonmán serán en Pontevedra

Pontevedra
06 de xuño 2019

A Federación Internacional Balonmán fixo oficial ao fin a repartición de competición do Campionato do Mundo Júnior de Vigo e Pontevedra. O resto do calendario mantense segundo o previsto, con semifinais en Pontevedra e a gran final na cidade olívica. Ademais a Boa Vila acollerá os partidos de España en oitavos e cuartos de final no caso de clasificarse

Reunión do comité organizador do Mundial Junior 2019 de balonmán Paula Sanmartín

Despois de semanas de espera, a Federación Internacional de Balonmán (IHF) fixo oficial por fin o calendario de competición do Campionato do Mundo Júnior de Balonmán que se celebrará entre o 16 e o 28 de xullo en Pontevedra e Vigo, así como a repartición final entre as sedes.

A principal novidade pasa pola decisión de que a cerimonia inaugural do campionato, así como o debut de España, terán lugar no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra o martes 16 de xullo. Primeiro cos actos oficiais de apertura e despois co España-Estados Unidos (21:00 horas) correspondente ao Grupo A.

Este será o único partido do Grupo A que se disputará na  Boa Vila, xa que o resto da fase de grupos dos Hispanos Júnior xogarase en Vigo, do mesmo xeito que o Grupo B, mentres que a Boa Vila será sede dos grupos C (Portugal, Croacia, Hungría, Brasil,  Barhein, Kósovo) e D (Alemaña, Islandia, Noruega, Arxentina, Dinamarca, Chile).

Así se adiantou tras o acordo das dúas cidades, un acordo que se respectou xa que os oitavos e cuartos de final repartiranse entre Vigo e Pontevedra, aínda que cos posibles partidos de España en caso de clasificarse no Municipal ontevedrés, onde tamén se poñerán en xogo as semifinais. Por último, a pelexa polas medallas co 3-4º posto e a gran final terán como escenario o pavillón das Travesas en Vigo.

Consulta aquí o calendario completo e horarios de competición do Campionato do Mundo Júnior de Balonmán.