A Liga Asobal volve, por fin, ao Pavillón Municipal

Pontevedra
01 de novembro 2022

Concluídas as obras de reforma e os eventos extraordinarios, o pavillón pontevedrés estará esta semana e por primeira vez na tempada ao dispor do Club Cisne Balonmán, que o vindeiro venres día 4 recibirá na casa o Bidasoa  

XXIV Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes
XXIV Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes / Cristina Saiz

Un ano e medio despois, a Liga Asobal regresa ao fin ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

Desde o 29 de maio de 2021 o pavillón pontevedrés non acollía un encontro da máxima categoría do balonmán nacional, primeiro polo descenso do Cisne e tras recuperar un posto na elite debido principalmente ás obras de remodelación ás que foi sometida a instalación.

Por este motivo, unido aos eventos extraordinarios como os Campionatos do Mundo de Loitas Olímpicas, o Municipal non estivo ata a data ao dispor do cadro cisneísta, que tivo que mudarse mentres tanto a Príncipe Felipe.

Ese exilio acaba esta semana, co encontro que lle medirá ao Bidasoa o vindeiro venres 4 de novembro (21.30 horas) correspondente á novena xornada do campionato, aínda que os pupilos de Javier Márquez apenas poderán exercitarse previamente na instalación. Co Campionato Cidade de Pontevedra de Taekwondo ocupando a pista ata este martes, o mércores está previsto desmontar a pista azul en Príncipe Felipe para colocala no Municipal, polo que antes do xoves en ningún caso poderán adestrar alí.

O CISNE BARCELONA, O DOMINGO 27 DE NOVEMBRO

O Cisne volverá ademais ao Pavillón Municipal para non volver saír del, nin sequera no encontro que estaba en dúbida coa visita do poderoso Fútbol Club Barcelona a Pontevedra, e que coincidía cunha competición de karate programada no pavillón.

Finalmente tras o acordo entre clubs para atrasar o choque ao domingo 27 en lugar do sábado, a petición oficial cursada pola Televisión de Galicia para ofrecer o choque o citado día 27 ás 19.00 horas fai que se de xa por feito que así será, a falta só da confirmación oficial por parte de Asobal.

Con este novo horario haberá tempo suficiente para desinstalar o operativo do karate e que o pavillón este listo para o partido de balonmán. Unha boa noticia tras varias semanas de incerteza respecto diso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora