O Servizo Municipal de Deportes de Pontevedra anunciou este xoves o cambio de data dunha das citas do Circuíto de Carreiras Populares (CCCP), a PonteNoite 5+5.
A cita, quinta do CCCP prevista inicialmente para o día 17 de xuño, celebrarase o día 1 de xullo e baixo unha nova denominación.
A decisión tómase tras recibir o Concello a proposta de organización de "unha importante e mediática carreira de ámbito estatal", reza o comunicado de Deporte Pontevedra, que propuxo facela coincidir coa PonteNoite. Con todo esta iniciativa estatal contaba xa con outra carreira programada para esa data.
A carreira popular en cuestión é a enmarcada na iniciativa Ponle Freno, proba atlética popular pola seguridade viaria que promove o Grupo Atresmedia desde o ano 2008 en diferentes localidades e que chegará por primeira vez á cidade de Lérez.
Ponle Freno organizou estes anos eventos en lugares como Madrid, Vitoria, Tenerife ou Vigo co obxectivo de acabar coas vítimas nos accidentes de circulación.