A San Silvestre supera os 2.000 corredores e pecha a inscrición en liña

Pontevedra
27 de decembro 2021

A organización mantén aberta a inscrición presencial na Casa da Luz para as quendas de saída de horario matinal, posto que as quendas de tarde xa completaron o máximo de 150 participantes

Presentación da XXXVIII San Silvestre de Pontevedra Mónica Patxot

A San Silvestre pecha as inscricións en web cun rexistro de máis de 2.000 persoas que van participar na carreira do 31 de decembro, en total 2092 inscritos.

As inscricións realízanse por quendas horarias. En total son 17 saídas cada 20 minutos de 150 persoas por saída; polo que os que participan teñen que escoller o seu horario preferido. Os horarios da tarde tiveron enseguida éxito e foron os que primeiro se encheron.

Pola mañá, tardaron máis en encherse pero tamén algunhas quendas conseguiron cubrir o cupo. Con todo, aínda quedan ocos nos horarios das 10.50, 11.10, 11.50, 12.10, 12.50, 13.10, 13.30 e 13.50 horas.

As quendas que aínda teñan ocos seguen abertas pero as inscricións faranse a partir deste luns de xeito presencial na Casa da Luz, na praza da Verdura. Desde este luns ábrese tamén o prazo de recollida de dorsais no mesmo lugar e ata o xoves día 30 en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas.

No momento de recoller o dorsal, os inscritos poden aportar voluntariamente 1€ como xeito de agradecemento á organización. Ademais, os encargados de dar os dorsais entregarán a camiseta da San Silvestre máis Silvestre a cambio dun quilogramo de produtos alimenticios non perecedoiros, que se doarán ao Banco de Alimentos.