España proclamouse campioa do Torneo IV Nacións de fútbol sala feminino disputado en Guadalajara, unha competición na que gozou de gran protagonismo Silvia Aguete.
A gardameta pontevedresa do Poio Pescamar foi titular en dous dos tres encontros co equipo absoluto de España, callando unha notable actuación e consolidándose nos plans da seleccionadora nacional, Alicia Morell.
Silvia foi parte do quinteto inicial no primeiro encontro ante o que se presentaba como rival a bater, Rusia, nun partido que se decidiu por un axustado 2-1.
Na segunda xornada do Torneo o rival foi Italia, con triunfo por 3-0 e sen a xogadora do Poio Pescamar entre as titulares, condición que recuperou no duelo que decidiría o campión, ante Portugal. Valíalle un empate a España para facerse co título, pero impúxose por 4 goles a 2 nun choque no que sempre dominou o marcador.
Tras a súa participación coa Selección Española, Silvia Aguete volve agora á disciplina do seu club, que retomará a competición na Primeira División a próxima fin de semana recibindo na Seca ao cuarto clasificado, o AD Alcorcón.