Adestrando para converterse en auténticos 'gladiadores'

Pontevedra
24 de maio 2017

O exterior do Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas foron escenario este martes do adestramento oficial previo á Gladiator Race, carreira de obstáculos que se celebrará o próximo 3 de xuño en Pontevedra

Adestramento oficial da terceira Gladiator Race de Pontevedra Mónica Patxot

"Que Somos? Gladiadores!". Con ese sinxelo berro e no medio dun divertido ambiente deu comezo este martes o adestramento oficial da terceira Gladiator Race de Pontevedra.

Un grupo de deportistas que afrontarán o próximo 3 de xuño a popular proba por obstáculos congregouse no exterior do Pazo da Cultura para recibir os consellos dun adestrador profesional.

Este adestrador, André Fit Trainer, traballou cos asistentes a forza e a resistencia a través de xogos e exercicios que deixaron ver o que será a Gladiator Race, unha auténtica xornada festiva.

A sesión era de balde para os inscritos na Gladiator Race, que tamén se achegaron ata a Illa das Esculturas, punto central dunha carreira que gañou merecidamente un posto no calendario deportivo da cidade.

As inscricións para a Gladiator Race de Pontevedra permanecerán abertas ata o día 30 de maio a través da web www.gladiatorrace.es e da plataforma www.championchipnorte.com, nun evento que contará con tres categorías: Warrior (11 quilómetros e 30 obstáculos), Rocket (6 quilómetros e 20 obstáculos) e a opción infantil, a Gladiator Kids.