Adrián Sieiro e Manuel Fontán, campións do Mundo no C-4 500 con Pablo Graña e Joan Antoni Moreno

Pontevedra
07 de agosto 2022

Os representantes pontevedreses puxeron así o broche de ouro a un memorable e histórico Campionato do Mundo de Sprint Olímpico no que a delegación española conseguiu seis metais: catro ouros e dúas pratas

Adrián Sieiro, Manuel Fontán, Pablo Graña e Joan Antoni Moreno no C4 500 Federación Española de Piragüismo

O piragüismo pontevedrés segue facendo historia. Despois das medallas conseguidas este sábado por Rodrigo Germade en K4 500 e Teresa Portela en K2 200, a expedición finalizou a súa participación no Campionato do Mundo Sprint de Halifax ao grande.

Este domingo os ollos estaban postos na gran final do C4 500 metros na que competiron o pontevedrés Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar), Manuel Fontán (O Muíño), o cangués Pablo Graña (Náutico Rodeira) e do balear Joan Antoni Moreno.

Os españois, grandes favoritos da proba, conseguiron facer unha carreira para enmarcar e superaron a todos os seus opoñentes. Cun tempo de 1:39.42, a embarcación cumpriu coas expectativas e proclamouse campioa do mundo, por diante dos polacos e os ucraínos, segundos e terceiros respectivamente.

Os irmáns Domínguez, Noel e Diego, pola súa banda, accederon á final do C2 100 metros e quedaron ás portas do podio (4:08.09) dunha proba que gañaron os alemáns Sebastian Brendel e Tim Hecker (3:54.91). Segundos foron os chineses Hao Liu e Bowen Ji (3:55.34) e terceiros os canadenses Craig Spence e Bret Himmelman (4:06.13).

Finalmente, Pablo Crespo da EP Ciudad de Pontevedra accedeu á final B do C1 1000 e conseguiu o cuarto posto cun tempo de 4:23.41, só por detrás do ucraíno Pavlo Altukhov (4:16.22), o canadense Connor Fitzpatrick (4:16.97) e do húngaro Balazs Adolf (4:19.68).

Os representantes pontevedreses puxeron así o broche de ouro a un memorable e histórico Campionato do Mundo de Sprint Olímpico no que a delegación española conseguiu seis metais.

Fixéronse co ouro o K4 500 con Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Marcus Cooper e Rodrigo Germade; o K1 200 metros de Carlos Arévalo; o C2 500 de Cayetano García e Pablo Martínez; e o Paracanoe de Juan Valle; mentres que dúas pratas chegaron da man do K2 200 de Sara Ouzande e Teresa Portela e do C1 200 de María Corbera.