Águeda Cons, ao asalto das mínimas para o Campionato do Mundo Junior

Pontevedra
15 de marzo 2017

A nadadora pontevedresa encabeza o equipo do Club Natación Galaico no Nacional Junior que se disputa do 18 ao 21 de marzo en Xixón. Águeda parte co obxectivo de lograr o pasaporte mundialista nos 400 e os 800 libre

Águeda Cons, na primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta Mónica Patxot

Despois de despuntar no Campionato de España Absoluto en Piscina Curta, no que logrou o ouro nos 1.500 libre, chega unha das citas marcadas en vermello no calendario de Águeda Cons.

A nadadora pontevedresa encabeza o equipo do Club Natación Galaico no Nacional Junior que se disputa do 18 ao 21 de marzo en Xixón.

Ademais de partir co obxectivo de pelexar polas medallas, é neste campionato no que debe conseguir as marcas mínimas para o Campionato do Mundo Junior de Indianápolis (EEUU), tempos que xa conseguiu noutras competicións e que agora debe confirmar.

Águeda parte con opcións de conseguilo sobre todo en dúas probas, o 800 libre e o 400 libre. Ademais nadará tamén os 400 estilos e o 200 libre.

Outros seis nadadores completan o equipo que presentará o Galaico en Xixón: Clara Otero (50, 100 e 200 libre, 100 costas, 200 estilos), Carla Goyanes (100 e 200 bolboreta, 200 libre, 400 estilos), Nuria Ersella (100 e 200 libre, 100 costas), Inés Gómez (200 e 400 libre), Cibrán Leal (200 braza) e Pablo Juncal (100 libre).

O club pontevedrés chega ademais con claras opcións nas remudas, co mellor tempo de inscrición no 4x200 e o 4x100 libre en categoría feminina.