Álex González acepta a oferta de renovación do Pontevedra

Pontevedra
15 de xuño 2018

O extremo cántabro convértese no quinto xogador en renovar. A súa continuidade era unha das prioridades do club despois do seu gran tramo final de tempada, no que se converteu nun dos futbolistas máis determinantes do plantel

Álex González, no partido entre Atlético de Madrid B e Pontevedra
Álex González, no partido entre Atlético de Madrid B e Pontevedra /

A quinta renovación fíxose de rogar máis dunha semana no Pontevedra Club de Fútbol, desde o anuncio dos primeiros movementos no equipo, pero trátase dunha das prioridades do club.

Álex González seguirá vestindo de granate o próximo curso, no que será o seu terceiro ano en Pasarón. Farao despois converterse no tramo final da liga nun dos homes máis determinantes do plantel e en peza clave para lograr a permanencia.

Na que foi a súa segunda tempada en Pontevedra, o extremo zurdo participou en 34 partidos de liga, 23 deles como titular, anotando 5 goles, incluíndo un na última xornada para certificar a continuidade do equipo na Segunda División  B.

Nada máis coñecerse a noticia, Álex González quixo enviar unha mensaxe aos afeccionados declarando sentirse "orgulloso de poder seguir defendiendo otra temporada más la camiseta y el escudo de este equipo".

Á espera de que se resolvan as negociacións con outros xogadores aos que o club presentou oferta, como son David  Goldar, Éder Díez, Anxo, Kevin, Adrián León ou Jimmy, coa renovación de González pasan a ser oito os futbolistas que contan con contrato en vigor xunto a Mouriño, Edu, Álex Fernández, David Castro, Berrocal, Nacho López e Darío Flores.