Alfonso Ventín estrea o palmarés do RallyMix de Portas

Umia
29 de novembro 2021

O piloto da escuadra Pontevedra 1984 Team foi o vencedor da primeira edición do rally mixto de Portas, última cita do calendario autonómico desta especialidade automobilística

I RallyMix de Portas Xunta de Galicia

O ruído dos motores de competición retumbou forte esta fin de semana coa celebración do I RallyMix de Portas.

A cita, que se estreaba no calendario e que supoñía o peche do Campionato Galego de rallys mixtos de terra e asfalto, contou coa participación de máis de 60 pilotos.

O  RallyMix de Portas celebrouse nun tramo cronometrado de 8,5 quilómetros, no que se completaron ata 5 mangas oficiais entre o sábado e o domingo.

Ao termo das mesmas o primeiro vencedor absoluto desta proba automobilística foi Alfonso Ventín (Pontevedra 1984 Team), avantaxando en 26 segundos a Jacobo Andújar (Estradense) e en 42 a Javier Ramilo (Yacar Racing), que completaron o podio na segunda e terceira posición respectivamente.

Na súa primeira edición o evento estivo organizado polas escuderías Viva Eventos Deportivos e Charli Romeo.