Entre bágoas e aplausos despedíronse Álvaro Preciado e Pablo Picallo do club dos seus corazóns: "Ser do Cisne é o mellor que hai".
"Este ano foi incrible", admitiu Picallo despois de conseguir outro ascenso a Liga Asobal dous anos despois. Pero esta vez será diferente para o xogador pontevedrés, que se despide do club que o viu crecer tras tantos anos vestindo a elástica branca.
"Non hai mellor despedida que esta. Estou súper contento de poder despedirme aquí. Coincidiu todo ben, non se se será o destino", recoñeceu despois da vitoria sobre o Barça B nun Pavillón Municipal abarrotado que non deixou de animar.
Culpa dese ascenso tena esa afección que segue fiel ao Cisne pasen os anos que pasen e é que para Álvaro Preciado "parte das vitorias da tempada foron vosas", confesou dirixíndose á bancada.
Pero outra porcentaxe do mérito corresponde ao grupo que forma este club e no que Picallo cre firmemente: "Eu creo nos grupos e este grupo foise conformando durante anos con moita xente que foi e viño, outros se quedaron e creo que os grupos nos que nos levamos ben se nota no campo. É o que nos dá para vencer a proxectos con máis diñeiro e máis recursos", confirmou.
De feito, despois de 25 anos no club e 13 no primeiro equipo, o xogador pontevedrés segue confiando, por moito que pasen os anos, en que a clave é a base. "Nós témonos que basear na base, quizá se cadra facer un esforzo noutro lado que por circunstancias non podamos cubrir con xente de aquí. A clave disto é seguir mantendo o que estamos a facer, dar oportunidades aos rapaces e, como se ve, está a funcionarnos".
Finalmente tomou a palabra o presidente do Club Cisne Balonmán, Santi Picallo, que recoñeceu o labor realizado por Preciado e Picallo ao longo da historia que ten o club para, despois de pasar por todas as categorías, "deixarnos en Liga Asobal".
Tamén agradeceu á afección o seu apoio e "o traballo que fixeron" no partido contra o Barça porque a vitoria tamén "é grazas ao voso apoio".