Antía Jácome e Antía Otero reciben o apoio do Concello e xa pensan no seu próximo obxectivo, o Preolímpico

Pontevedra
02 de outubro 2020

As piragüistas da EP Ciudad de Pontevedra recibiron unha homenaxe por parte do Concello tras a súa recente vitoria na Copa do Mundo Sprint en Hungría

Recepción municipal ás piragüistas Antía Otero e Antía Jácome Mónica Patxot

O seu recente triunfo na Copa do Mundo Sprint celebrada en Hungría, única gran competición internacional da tempada, confirmou a Antía Jácome e Antía Otero como dúas das grandes promesas do piragüismo pontevedrés, galego e nacional.

As deportistas da EP Ciudad de Pontevedra, que colgaron a medalla de ouro en Hungría na proba de C-2 200 metros, foron protagonistas este venres dunha merecida homenaxe do Concello de Pontevedra, ao ser recibidas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández.

"Estamos moi contentas de que nos recibisen", sinalou Jácome sobre o acto celebrado no Teatro Principal, xa que tal e como completou a súa compañeira Antía Otero "supón unha motivación para volver empezar a adestrar".

Otero e Jácome teñen previsto agora descansar para volver ao traballo o próximo día 12. Farano co único obxectivo de "preparar o Preolímpico", recoñecen con esperanzas de poder pelexar polas últimas prazas dispoñibles para os Xogos de Tokyo.

"Estamos preto de poder conseguir unha participación pontevedresa nos Xogos", animou na súa intervención o alcalde sinalando que é algo que "nos enche de orgullo a todos os pontevedreses".

Pola súa banda o concelleiro de Deportes quixo resaltar a importancia do piragüismo como "deporte estratéxico" na cidade, xa que " detras delas hai unha canteira inesgotable que esperemos acade moitos éxitos".