Antía Otero, ilusionada e "un poco nerviosa" ante o reto dos Xogos Olímpicos da Mocidade

Pontevedra
26 de setembro 2018

A deportista da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra recibiu este mércores os ánimos do alcalde e a concelleira de Deportes antes de poñer rumbo o vindeiro luns 1 de outubro á cita olímpica que se celebrará en Bos Aires, Arxentina

Antía Otero e o seu adestrador na sala de prensa do Concello
Antía Otero e o seu adestrador na sala de prensa do Concello / Mónica Patxot

Ilusionada aínda que tamén "un poco nerviosa". Así sente a pontevedra Antía Otero antes de afrontar un dos maiores retos no seu aínda curta carreira deportiva, os Xogos Olímpicos da Mocidade que se celebrarán en poucos días en Bos Aires.

A padexeira da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra recibiu este mércores os ánimos do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, antes de partir o vindeiro luns 1 de outubro rumbo á capital arxentina xunto ao resto do equipo español.

"Estamos  moi orgullosos de que vaia representando a Pontevedra e a Galicia", recoñeceu Lores.

Antía Otero conseguiu a clasificación para os Xogos Olímpicos da Mocidade na fase previa celebrada en abril na Canal Olimpíc de Catalunya, en Castelldefels, onde competían "muchísimos países y eran todos súper buenos", explica a xoven deportista, que asegura non esperaba poder chegar a un evento de tanto nivel.

Agora, toca gozar da experiencia e tratar de facelo o mellor posible na competición de canoa baixo un formato pouco habitual nas probas de piragüismo. Por unha banda o 12 e 13 de outubro Antía disputará a modalidade de velocidade 'head to head sprint' nun circuíto en forma de 8, mentres que o 14 e 15 de outubro será a quenda da proba de 'slalom'.