Antonio Fernández: "Con este resultado non podes explicar que fixeches as cousas ben"

Pontevedra
01 de outubro 2022

"Non estivemos acertados no que tiñamos que estar", asegura, á vez que considera que o seu equipo "en liñas xerais estivo ben" pero viuse penalizado polos seus propios erros á hora de defender

Antonio Fernández, no partido entre Pontevedra CF e Talavera en Pasarón Mónica Patxot

"Sabiamos ao escenario que viñamos e ao rival que nos iamos a enfrontar", defende Antonio Fernández na rolda de prensa de despois do partido entre Mérida e Pontevedra que concluíu con derrota dos granates por 2-0.

"Non estivemos acertados no que tiñamos que estar", asegura, á vez que considera que o seu equipo "en liñas xerais estivo ben" pero viuse penalizado polos seus propios erros á hora de defender.

Sabía ao que ía o Pontevedra a Mérida, coñecía as boas transicións que facía o rival pero, aínda así, non souberon frear os dous goles que viñeron de "decisións erróneas" na que agora hai que "incidir e corrixir".

Con todo, a pesar do 2-0, Antonio Fernandez considera que o equipo estivo ben na primeira metade, con "moitas chegadas a liña de fondo e achegamentos con verdadeiro perigo, pero os centros non foron da calidade suficiente" como para crear ocasións de verdade.

Foi o Mérida, pola contra, o que si soubo aproveitar as súas chegadas a área rival, primeiro nun mal repregamento tras un erro en campo contrario e o segundo tras unha mala toma de decisión á hora de botar unha falta que concluíu en "un contra ataque que non soubemos cortar e que nos penalizou cando mellor estabamos. Foi un xerro de auga fría que nos deixou xeados aínda que o equipo non baixou os brazos en ningún momento".

Para o técnico granate, "tivemos a pelota e soubemos xestionala, pero con este resultado non podes explicar que fixeches as cousas ben", concluíu.