Arlet Ortiz brilla en La Nucia e proclámase campioa de España sub-21 de taekwondo

Marín
06 de marzo 2017

Con só 15 anos, a deportista do Mat's de Marín proclamouse esta fin de semana campioa de España sub-21 superando na final á campioa nacional absoluta

Arlet Ortiz no podio do Campionato de España Sub-21 de taekwondo
Arlet Ortiz no podio do Campionato de España Sub-21 de taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Ten só 15 anos, pero foi a gran revelación do Campionato de España sub-21 de taekwondo celebrado na localidade alacantina de La Nucia confirmando a súa gran progresión.

Arlet Ortiz, deportista do Mat's de Marín, conseguiu a medalla de ouro na súa categoría (-52 quilos) tras superar, entre outras, á campioa nacional absoluta.

Nunha gran competición, superou os seus cinco combates, vencendo na semifinal con suficiencia a Natalia Ruedas e dando a sorpresa na final ante a madrileña Lida García, campioa de España senior e subcampioa mundial junior por 5-3.

Ademais de Arlet, o Mat's sumou unha medalla de bronce, a de Iván García (-82 quilos), que perdeu nunha apertada semifinal ante o catalán Álex Mas (13-12), que se alzaría despois polo título.

Tamén subiron ao podio, con senllos bronces, dous deportistas do Mace Sport pontevedrés, Javier González (-68 quilos) e Emilio Pousada (+87 quilos), que quedaron a un só paso da final.