Novo reforzo invernal para o Arosa.
O club arlequinado fíxose coa cesión dun futbolista que coñece ben, pois militou no seu equipo xuvenil.
Trátase de Hugo Villaverde, centrocampista que aterra na Lomba a préstamo polo RC Deportivo.
Natural de Caldas de Reis, Hugo participou esta tempada en 15 encontros do filial deportivista, o Fabril, en Segunda RFEF, cinco deles como titular.
"É unha contorna próxima, que xa coñezo, polo que a adaptación será moito máis fácil. Teño amigos alí, excompañeiros que me van facer todo máis fácil. Son da casa", explicou o futbolista en declaracións ao Arosa tras confirmarse a fichaxe.
Será de feito a súa segunda etapa arlequinada, tras chegar ao Arosa no seu primeiro ano cadete e ser parte do equipo xuvenil que logrou o ascenso a División de Honra.
Foi antes de que fose recrutado polo Deportivo aínda en idade xuvenil, categoría desde a que pasou a formar parte do Fabril.
Hugo Villaverde, que se suma á lista de reforzos ao defensor Tafa Kanteh, terá a súa primeira oportunidade de debutar co equipo adestrado por Míchel Alonso o vindeiro domingo 26 de xaneiro coa visita do Viveiro ao estadio da Lomba.