O Arxil afúndese ante un León intratable

Pontevedra
19 de outubro 2025

O conxunto pontevedrés sufriu unha dolorosa derrota en casa, a terceira consecutiva, contra un León moi superior

Partido entre Arxil e BF León no CGTD Cristina Saiz

O comezo ligueiro non está a ir nada ben nas filas do Club Baloncesto Arxil, que este sábado sufriu a súa terceira derrota consecutiva ante un moi superior León.

O conxunto visitante dominou todas as facetas do xogo e fíxose rápido co control do partido, abrindo a primeira fenda aos cinco minutos (5-10).

O Arxil tratou de manterse na pelexa o maior tempo posible, pero os cinco puntos consecutivos anotados por Vaqueira trastornaron o equipo lerezano (10-20), que se viu completamente superado por Lucía Rodríguez e, de novo, Vaqueira, nos últimos minutos do primeiro acto (12-24).

O León non baixou o ritmo no segundo cuarto e continuou dominando cada zona, mentres o Arxil facía augas e vía como o partido se lle escapaba antes do descanso (27-47).

Despois do paso polos vestiarios a cousa continuou igual. Os erros sucedéronse un tras outro, afectando animicamente a un Arxil incapaz de recomporse. Mestre e Flores tentárono, pero non foi suficiente para frear unha diferenza que ascendía aos 27 puntos ao final do terceiro acto (43-70).

Os últimos dez minutos seguiron o guion do anteriores tres cuartos, co Arxil débil e incapaz de reaccionar e o León aproveitando esa fraxilidade para pechar o enfrontamento cun contundente 57-98.

Consulta as estatísticas neste enlace