As subidas automobilísticas da Escusa e Ponte Caldelas, aprazadas ata 2021

Ponte Caldelas
21 de maio 2020

A Escudería Buxa Motor, organizadora de ambas as dúas probas, confirmou este xoves o seu aprazamento e xa pensa en 2021. "Voltaremos coas mesmas ganas e ilusión de sempre", asegura a súa presidenta Noemí Blas

Vixésima edición da Subida á Escusa de Poio Cristina Saiz

A crise sanitaria levouse por diante dúas das probas automobilísticas que máis afeccionados congregan cada ano na comarca, como son a tradicional Subida a Escusa, en Poio, e a Subida a Ponte Caldelas.

Confirmouno este xoves a Escudería Buxa Motor Poio, organizadora de ambas as citas do Campionato Galego de Montaña, cumprindo coa petición realizada pola Federación Galega de Automobilismo para coñecer que probas tentarían manterse no calendario.

"A día de hoxe ningunha das administracións ou entes implicados na celebración deste tipo de probas deportivas é quen de asegurar en que datas poderanse levar a cabo, que condicións de tipo sanitario haberá que cumprir e a repercusión económica que estes cumprimentos poderían implicar para a organización así como as responsabilidades no caso de incumprimento, aforo permitido de público e como realizar o control do mesmo nos espazos abertos", explica a presidenta da escuadra, Noemí Blas.

Por iso tomouse a decisión de aprazar as subidas automobilísticas ata 2021, cando A Escusa celebrará por fin a súa  XXI edición convertida en toda unha referencia a nivel autonómico e Ponte Caldelas poderá vivir a súa quinta subida.

"Desde o noso nacemento como escudería e en todas as probas temos como un dos nosos obxectivos prioritarios levar a cabo as mesmas sendo o máis escrupulosos posibles á hora de respectar os protocolos de seguridade regulamentariamente establecidos. Agora mesmo os protocolos, neste caso sanitarios e de vital e estrito cumprimento, precisos para levar a cabo a nosa actividade non están legalmente establecidos e, por tanto, non podemos comprometernos a celebrar as probas sen coñecer os requisitos para cumprir", sinala nun comunicado a Escudería Buxa Motor.

En todo caso aseguran que a decisión non se debeu a motivos económicos, agradecendo o apoio tanto do Concello de Poio como o de Ponte Caldelas, e xa pensan en volver con máis forza se cabe o próximo ano 2021 "nas xa tradicionais datas de agosto e setembro", sinalan para concluír afirmando que "seguro que voltaremos coas mesmas ganas e ilusión de  siemrep".