Reforzo para a parcela ofensiva do Pontevedra Club de Fútbol.
Despois de moitos días sen novidades, a entidade granate confirmou este venres a que é a súa novena fichaxe do verán.
Trátase de Dani Selma, atacante valenciano de 24 anos de idade que a última campaña defendeu a camiseta do Amorebieta en Primeira RFEF.
Selma anotou cinco goles en 36 encontros cos vascos, 22 deles partindo como titular.
É un futbplista que pode actuar en máis dunha posición da fronte de ataque, tanto polo centro como tirado a banda.
Coa súa incorporación súmase unha peza a unha das zonas que necesitaban aínda de máis reforzos, xa que esta mesma semana o técnico Rubén Domínguez recoñecía que facían aínda falta "un defensa, un medio e tres atacantes".
Tras motrar un bo nivel en Terceira RFEF, o CD Tenerife apostou por Dani Selma na tempada 21-22 para o seu filial, chegando a debutar na Segunda División. Ademais xogou a préstamo no San Fernando e no Alcoyano, ambos os dous en Primeira RFEF.
O valenciano súmase desta forma a unha lista de fichaxes do Pontevedra na que xa figuraban Nico Conesa, Pablo Hervías, Adrián Expósito, Juanra, Alain Ribeiro, Marqueta, Miki Bosch e Víctor Eimil.