Situación rocambolesca a vivida este mércores en plena disputa do partido da Liga Asobal entre Dicsa Modular Cisne e Cuenca Ciudad Encantada, correspondente á primeira xornada da competición aprazada no seu día e que terminou con vitoria visitante por 29 a 32.
Co partido xa entrado en minutos, unha parella de axentes da Policía Local de Pontevedra compareceu no Pavillón Municipal dos Deportes ao entender que non podía celebrarse o evento nas condicións nas que estaba a ter lugar, con público nas bancadas.
Dáse a circunstancia que o club pontevedrés recibiu horas antes do encontro un escrito da Xunta de Galicia autorizando mesmo a aumentar o aforo previsto, que inicialmente era de 60 espectadores, ata os 100 seguidores, seguindo por suposto estritamente os protocolos establecidos polo Consello Superior de Deportes, Real Federación Española de Balonmán, Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra en última instancia, como titular das instalacións.
Esta cifra de asistentes é menor ao máximo establecido na normativa vixente, de 300 espectadores, ao estar Pontevedra catalogada actualmente como zona de restrición pola situación epidemiolóxica da cidade con respecto á COVID.
Segundo explican desde o club pontevedrés, un dos axentes "entrou saltándose o protocolo que puxeramos", con toma de temperatura e uso de xel desinfectante.
Ao final, tras mostrar o Cisne que contaba cos permisos en regra para a celebración do encontro e nesas condicións, os representantes abandonaron o lugar non sen antes identificar a un dos directivos da entidade, Jorge Freire, que contou en redes sociais a súa visión sobre o sucedido aínda que horas despois terminou retirando a publicación respecto diso.