Batería de reforzos para os equipos absolutos da Gimnástica

Pontevedra
09 de novembro 2017

O club pontevedrés deu a coñecer a relación de altas para a tempada recentemente comezada, na que competirá cos seus equipos nas ligas de División de Honra Masculina e Primeira División Feminina

Equipo da Gimnástica na Copa Galicia en pista cuberta 2017 Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica anunciou a lista de fichaxes pechadas para reforzar aos seus equipos absolutos, que esta tempada volverán competir na División de Honra Masculina e a Primeira División Feminina.

Será unha campaña de cambios, despois das baixas de atletas que levaban moitos anos defendendo as cores do club pontevedrés, pero a veterana entidade moveuse para configurar un equipo de garantías.

Así, en categoría masculina, chegan á Gimnástica grandes talentos galegos como o marchador cuntiense Daniel Chamosa (Fent Camí Mistala), o coruñés Denis Galán (FC Barcelona) para o sector de velocidade ou o triplista Anxo Blanco (Coruña Comarca).

Ademais aterran en Pontevedra atletas como Pablo Martínez (Universidade de Burgos) no salto de altura, Raúl Pagán (AD Marathon) en xavelina, José Miguel Huete (Elche Decat) e Daniel Martínez (At. Isaac Viciosa) no medio fondo e Mourad Jbari (Murcia Tovarsport) e Zakaria Bourihou para as probas de obstáculos. Completa a lista de reforzos Carlos Morais (Atletismo Narón).

Pola súa banda no equipo feminino Paula Freiría (Ourense Atletismo) reforzará o sector de saltos e Sharay Astáriz (Riazor Coruña) e Eva Cid (Comesaña) o medio fondo e o fondo, probas xunto ao cros nas que participarán como apoio en citas puntuais as triatletas Iria Rodríguez, Carla García e Inés García.

Pechan as fichaxes, sen contar ás incorporacións procedentes das categorías inferiores, a xuvenil Ana Pérez (AVA) nos lanzamentos e Marisol Diz (Lucus) e a tamén xuvenil Eva Sande (Beade) en marcha.