O Bayern Múnic renova o meañés José Barcala tras a tempada máis exitosa da historia do club

O Salnés
18 de xuño 2026

Na súa primeira tempada, o técnico de Meaño conquistou a Bundesliga Feminina, a Copa DFB e a Supercopa, ademais de alcanzar as semifinais da UEFA Women's Champions League

A directora Bianca Rech e José Barcala FC Bayern

O FC Bayern Múnic ampliou anticipadamente o contrato do seu adestrador, José Barcala, até o 30 de xuño de 2028.

Barcala aterrou o pasado verán en Alemaña procedente do Servette de Xenebra, club suízo de Primeira División. Na súa primeira tempada co equipo alemán ha conquistado a Bundesliga Feminina por cuarta tempada consecutiva, a Copa DFB e a Supercopa, ademais de alcanzar as semifinais da UEFA Women's Champions League, na que caeron co FC Barcelona.

Bianca Rech, directora de fútbol feminino do Bayern, destacou nunha entrevista publicada na web do club a importancia desta renovación ao considerala "un sinal do noso exitoso traballo conxunto. José demostrou na súa primeira tempada que vive os nosos valores e que eleva deportivamente ao noso equipo a un novo nivel".

Rech engadiu que co meañés quere "continuar o desenvolvemento positivo do último ano e seguir progresando de forma constante no futuro".

A directora tamén subliñou que "a tempada máis exitosa até agora na historia do FC Bayern Frauen demostra que José, coa súa competencia técnica, a súa forma de dirixir ao equipo e a súa gran ambición, é o adestrador axeitado para alcanzar os nosos obxectivos tanto a nivel nacional como internacional nos próximos anos".

O de Meaño, pola súa banda, asegurou estar "agradecido pola confianza que o club deposita en min e espero con ilusión o que poderemos seguir construíndo xuntos nos próximos anos".

O adestrador galego ha reflexionado sobre a súa primeira tempada, da que está orgulloso tanto polo desenvolvemento como pola cohesión do equipo, destacando "como actuamos nos momentos decisivos, como afrontamos a competición e, sobre todo, como aprendemos de cada partido e de cada desafío ao longo da tempada e seguimos evolucionando".

Barcala concluíu que está convencido de que "o máximo rendemento nace do traballo diario, da aprendizaxe continua e da esixencia de mellorar sempre. Ese seguirá sendo o noso obxectivo: seguir desenvolvéndonos constantemente como equipo. Queremos xogar o mellor fútbol posible".

Ao longo da súa carreira, José Barcala formou parte de clubs como o Real Club Deportivo dA Coruña, o Brisbane Roar australiano e o Girondins de Bordeus.

Agora continuará co club alemán até 2028, despois de alzar o seu primeiro gran título no país xermano a catro xornadas para o final do torneo e consolidar a tempada máis exitosa da historia do Bayern Múnic Feminino.