Bea Gómez, convocada para o Campionato de Europa en Piscina Curta de Herning (Dinamarca)

Pontevedra
14 de novembro 2013

A nadadora pontevedresa participará en 200 e 400 estilos, 200 braza e 400 libre. O equipo nacional tamén cita á ribeirense María Vilas e á adestradora de ambas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez

Bea Gómez instantes antes da final de 800 libres do Open de Natación de Pontevedra Diego Torrado

A Real Federación Española de Natación fixo pública a composición do equipo nacional que participará no próximo Campionato de Europa de Piscina Curta, selección na que está a pontevedresa Beatriz Gómez Cortés.

A nadadora do Galaico acudirá á cita, que se celebra na localidade danesa de Herning do 12 ao 15 de decembro, para competir en catro probas: 200 e 400 metros estilos, 200 braza e 400 libre.

Na convocatoria tamén se atopan a súa compañeira de adestramentos, a ribeirense María Vilas, e a adestradora de ambas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Luisa Domínguez.

María Vilas está anotada en dúas especialidades, os 800 metros libres e os 400 estilos.

A lista de nadadores complétana: Mireia Belmonte e Melani Costa (UCAM Fuensanta), Merche Peris (St. Olaya), Duane da Rocha (Mijas), Jessica Vall (CNSA), Jimena Pérez Branco (Gredos SD), Marc Sánchez e Miguel A. Rozas (Sabadell), Albert Puig (Terrassa), Víctor Goicoechea (CNSA), Carlos Peralta (Canoe) e Alejandro García (Zamora).