Bea Gómez Cortés abandona o Galaico e inicia unha nova etapa no Club Natació Sabadell

Pontevedra
09 de outubro 2017

A nadadora pontevedresa, que desde esta tempada deixa de formar parte do Centro de Alto Rendemento da Residencia Blume de Madrid, decidiu cambiar de aires e tentar volver situarse no seu mellor nivel da man do club catalán

Publicación de Bea Gómez Cortés na súa conta de Instagram @beagomezcortes

Despois duns anos complicados, debido principalmente aos problemas físicos que atravesou e que lle impediron render ao seu mellor nivel, Bea Gómez Cortés cambia de aires.

A nadadora pontevedresa abandona esta tempada o Galaico, club no que militou toda a súa vida e co que chegou a ser olímpica en 2012, para pasar a engrosar as filas do Club Natació Sabadell.

"Digo un ata pronto ao club que me criou, que me viu crecer deportiva e persoalmente, o club da miña cidade, o de toda a vida. Grazas por acompañarme no camiño", explicou a deportista na súa conta de Instagram.

O cambio prodúcese ao concluír a súa etapa no Centro de Alto Rendemento da Residencia Blume de Madrid, que abandonou co final dopasado curso.

"Este ano decidinme dar un paso máis grande e un pequeno cambio na miña vida", recoñeceu, para seguir "gozando do que máis me gusta".

No horizonte Bea Gómez, que a pesar da súa gran experiencia competitiva conta aínda con 22 anos, está poder recuperar o nivel que a situou como unha das grandes promesas da natación española e, por que non, mirar cara aos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020.