Bea Gómez, subcampioa de España de 400 estilos na segunda xornada do Nacional de Inverno

Pontevedra
18 de decembro 2016

Segunda medalla para o Club Natación Galaico na competición que se está celebrando en Sabadell. Águeda Cons, que o venres logrou o ouro nos 1.500 libre, rozou o podio nos 400 libre ao terminar na cuarta posición

Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños
Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños / Diego Torrado

Segunda xornada no Campionato de España de Natación en Piscina Curta de Sabadell e segunda medalla para o Club Natación Galaico.

Se o venres a protagonista foi Águeda Cons cun ouro no 1.500 libre, este sábado foi a quenda para Bea Gómez Cortés, ao lograr a prata nos 400 estilos.

A nadadora pontevedresa superou unha vez máis as dificultados provocadas polos problemas de saúde que arrastra para acabar segunda cun tempo de 4:40.18, nunha dura pelexa con África Zamorano (4:40.88), terceira. O primeiro posto foi para Catalina Corró (4:35.36).

Na mesma proba, os 400 estilos, Paula Goyanes concluíu no posto 11 cunha marca de 4:52.76.

O botín puido ser maior para o Galaico, xa que Águeda Cons rozou a súa segunda medalla do campionato ao ser quinta nos 400 libre (4:10.30) a menos dun segundo da segunda e terceira posición. Bea Gómez foi novena nesta proba (4:13.26), Paula Goyanes acabou na posición 18 (4:17.08) e Lara Gómez na 24 (4:20.14).

Ademais Lara Gómez tamén foi vixésimo segunda nos 200 bolboreta (2:21.62), Clara Otero finalizou no posto 41 nos 50 libre (27.45) e 34 nos 200 costas (2:23.18) e Daniel Sánchez no 44 na mesma proba, os 200 costas (2:10.14).