Toque de atención para o Pontevedra Club de Fútbol no seu penúltimo encontro da pretempada.
Os granates visitaban este mércores o Coruxo no estadio vigués do Vao, e sufriron un serio tropezón ao ser derrotados por claridade polo seu rival (3-0), equipo de Segunda Federación.
A novidade no Pontevedra foi o regreso de Marqueta en portaría, tras varias semanas ausente dos partidos amigables por problemas físicos, nun once composto en exclusiva por futbolistas do primeiro plantel.
Xunto ao gardameta comparecían de inicio Víctor Eimil, Expósito, Miki Bosch, Montoro, Alain Ribeiro, Vidorreta, Álex González, Hervías, Yelko Pino e Dani Selma.
O duelo no entanto comezou igualado até pasada a media hora, cando Javi González sorprendía co 1-0.
O mesmo futbolista coruxista puña tamén o 2-0 xusto antes do descanso.
Edu Sousa, Juanra, Conesa, Garay e Brais Abelenda foron os primeiros en ingresar no terreo de xogo desde o banco para o inicio do segundo acto, e despois faríano máis adiante Iker, Raúl, Miguel Cuesta, Marqués, Oute e Andrés.
Sería iso si despois xa do 3-0, obra de Dani Rosas, aos 52 minutos de xogo.
Con ese resultado chegaríase ao final do encontro, todo un aviso para os de Rubén Domínguez a dez días de que comece a liga.
Tras este compromiso, o último amigable da pretempada levará agora o Pontevedra a visitar ao CD Boiro este sábado 23 de agosto no Municipal de Barraña (19.30 horas).