Bronces para Katia Calvar e Lúa Piñeiro no Open de París de taekwondo

Pontevedra
23 de novembro 2014

Xian Silva non tivo fortuna e perdeu no seu primeiro combate ante o croata Hrvoje Sep

Lúa Piñeiro na entrada do Centro de Alto Rendemento Federación Galega de Taekwondo

Bos resultados para a representación galega no Open de París de taekwondo.

Lúa Piñeiro e Katia Calvar lograron senllos bronces na categoría de -67 quilos tras protagonizar un gran torneo.

Katia gañou no primeiro cruzamento á croata Matea Jelie por un apertado 10-9, mentres que en cuartos de final deixou no camiño á exipcia Seham Elsawalhy (2-1). A pontevedresa só cedeu na semifinal contra a canadense Melissa Pagnota (13-7).

Pola súa banda Lúa Piñeiro segue sumando puntos no ranking no seu ambicioso obxectivo de clasificarse para Río 2016. A deportista caldense quedou exenta en París do primeiro combate, superando no segundo á croata Jelena Jureta (1-8).

En semifinais Lúa perdeu ante a campioa do mundo e número un do ranking, a francesa Haby Niare, nun apertado enfrontamento que se decidiu no punto de ouro (3-2).

Pola súa banda o taekwondista do Mace Sport Xian Silva non tivo fortuna en -74 quilos e despediuse en primeira rolda ao caer ante o croata Hrvoje Sep (4-11).