A maltreita liña defensiva do Pontevedra conta dende esta semana cun integrante máis na que é a primeira incorporación da era Luisito.
Bruno Rivada sumouse aos adestramentos tras deixar as filas do Bertamiráns, último clasificado da Terceira División no que se encontraba cedido polo club granate.
O defensor redondelano, de 19 anos, espera convencer o técnico nas próximas semanas e quedar polo menos ata final de tempada.
Trátase dun central zurdo que tamén pode actuar de lateral e que a pasada campaña compaxinou partidos co Pontevedra B en Rexional Preferente e o equipo xuvenil de División de Honra.
BENJA, Á MARXE DO GRUPO
As malas noticias para Luisito céntranse en Benja, que segue á marxe do grupo con molestias musculares que lle descartan para o choque do domingo ante o Ordes.
Este xoves o dianteiro exercitouse xunto ao fisioterapeuta, Manu Barros, mentres Fran Fandiño si se vai incorporando pouco a pouco ao traballo co resto dos seus compañeiros encarando as súas últimas semanas de convalecencia.