Carla Goyanes proclámase subcampioa nacional junior de augas abertas

Pontevedra
17 de xuño 2018

Coa medalla de prata conseguida este sábado en Sevilla, a deportista pontevedresa do Club Natación Galaico opta a ser convocada polo equipo nacional para participar no xullo no Campionato de Europa da súa categoría

Carla Goyanes (esquerda) no podio do Campionato de España de Augas Abertas
Carla Goyanes (esquerda) no podio do Campionato de España de Augas Abertas

A pontevedresa Carla Goyanes quedou este sábado a só dous segundos de proclamarse campioa de España de augas abertas, na categoría junior.

A deportista do Club Natación Galaico levou iso si a medalla de prata en Sevilla, sede da competición, tras unha vibrante proba dos 7,5 quilómetros.

Goyanes mantivo opcións de título ata o final entrando na meta cun tempo de 1 hora, 38 minutos e 32 segundos, e sendo superada unicamente nos últimos metros por Aroa Silva (A.D. Manuel Llaneza). Terceira foi a portuguesa Catia Agostinho a só un segundo.

Este resultado abre de pao a pao as portas do equipo nacional á pontevedresa para o Campionato de Europa Junior de Augas Abertas que se disputará en xullo en Malta, a falta de que se produza confirmación oficial da súa convocatoria.