O céspede de Pasarón, unha dor de cabeza constante para o Pontevedra

Pontevedra
29 de xaneiro 2026

A mala climatoloxía impide a recuperación do terreo de xogo nun período curto de tempo. Só un custoso investimento acabaría cos seus problemas a longo prazo

Céspede de Pasarón o mércores 28 de xaneiro de 2026

Preocupa e moito o estado actual do terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón.

O duro inverno actual agravou a situación dun céspede cuxo estado pasou a ser unha dor de cabeza constante na entidade granate, que destinou incontables recursos nos últimos meses para tentar mellorar o seu estado sen lograr recuperalo.

Tratamentos contra un fungo, achegas de area, picado e resembrado son actuacións que se acometeron desde principios de tempada, pero o verde lonxe de mellorar foi empeorando polas copiosas choivas dos últimos meses.

Nin o contar cunha semana sen partido, dous no caso da actual, impide que a primeira ollada se poida comprobar o mal momento que vive o verde, extremademente brando pola humidade que acumula no subsolo provocando a aparición de barro e dificultando ao máximo a estabilidade dos deportistas cando se compite sobre el.

Baste como proba as imaxes que ofrecía o terreo de xogo este mércores 28 de xaneiro durante a presentación de Diego Gómez como novo xogador do Pontevedra, desenvolvida ao mesmo tempo que operarios comprobaban in situ a situación do céspede.

Operarios revisando o céspede de Pasarón o mércores 28 de xaneiro de 2026Cristina Saiz

No verán de 2023 o club granate acometeu a renovación a superficie de xogo, investindo 175.000 euros segundo explicouse nunha posterior xunta de accionistas. Contouse entón con achegas económicas extraordinarias en forma de axuda por parte do Concello de Pontevedra, Deputación e a Secretaría Xeral para o Deporte.

A actuación levada a cabo pola empresa Royalverd consistiu na renovación da primeira capa subterránea con achega de terra e area e a instalación de novos tepes de herba natural.

Con iso esperábase mellorar durante un tempo un problema endémico desde a construción do novo estadio xa que se entendía como inviable economicamente, sen comprometer a estabilidade do club, acometer unha actuación de maior calado para refacer o sistema de drenaxe, ao que apuntan todas as miradas como principal causante da situación.

Esa intervención estrutural nas tubaxes de desaugadoiro sería certamente custosa, pero planea xa como única solución a longo prazo para mellorar Pasarón. Cando se poderá acometer é outra historia, sobre todo mentres o Pontevedra permaneza fóra do fútbol profesional.