Sorte dispar para o Poio Pescamar e o Marín Futsal no sorteo da terceira rolda da Copa da Raíña, os oitavos de final do torneo que darán acceso aos vencedores á fase final a oito.
O conxunto conserveiro quedou emparellado co 'coco', o rival que probablemente ninguén quería, o Futsi Atlético Navalcarnero, actual campión de liga e líder invicto ata a data na máxima categoría. Por si era pouco reto deberá afrontar ademais a eliminatoria a domicilio.
Mellor pintan as cousas para o Marín Futsal, ao que o bombo emparellou cun rival da Segunda División, o Atlético Torcal FS, terceiro clasificado do seu grupo. Deberá disputar o duelo tamén lonxe da súa pista.
Os encontros, a falta de horario oficial, disputaranse o próximo 6 de decembro. Será o último paso para chegar a unha fase final que foi fixada para os días 28, 29 e 30 de abril de 2023.