Continuidade na portería do Teucro, que renova a Javi Santana

Pontevedra
18 de xuño 2018

Os azuis atan un dos homes importantes do equipo, que renova por unha tempada. Con el son once os xogadores confirmados para o bloque de Asobal a falta de coñecer se continúan Carlos García e Iván Fernández, cos que podería darse por pechado o plantel

Santana, no partido entre Teucro e Huesca no Municipal Diego Torrado

Paso importante para a Sociedad Deportiva Teucro ao asegurar a continuidade dun dos homes importantes no equipo durante as últimas tempadas.

Javi Santana seguirá defendendo a portería teucrista un ano máis, dando continuidade así á parella de gardametas que forma con Lloria.

O canario cumprirá o seu terceiro curso consecutivo en Pontevedra, na que é a súa segunda etapa no club, despois de ser esencial no ascenso á máxima categoría e esta campaña para lograr a permanencia. De feito pechou a liga cunha porcentaxe do 32,64% de paradas, como un dos porteiros máis destacados da Liga Asobal.

Coa súa renovación son xa once os xogadores confirmados: Rial, Fafa Cangiani, Natan Suárez, Guillermo Fischer, Davor Cutura, Dani Hernández, SamuGómez, Juan Quintas, Jorge García Lloria e Andrés Moyano.

Falta agora por coñecer o futuro de Carlos García e Iván Fernández, que en caso de continuar no Teucro poderían dar por pechado o plantel, xa que os plans de Luís Montes pasan por un equipo con 13 xogadores que se vexa reforzado por varios integrantes do filial, como os recentemente incorporados Sergio Pérez e Domingo Luis.