O Pontevedra Club de Fútbol convoca os seus accionistas en pleno Nadal.
O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil publica este mércores a convocatoria da Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do club granate.
A entidade da Boa Vila cita aos seus accionistas a unha reunión o luns 29 de decembro ás 18.00 horas en primeira convocatoria, coa segunda un día despois á mesma hora en caso de non existir quorum.
Celebrarase por segunda vez consecutiva no Estadio Municipal de Pasarón.
Na Xunta exporase a situación económica do Pontevedra a exercicio social pechado a 30 de xuño de 2025, e someterase a aprobación o orzamento da actual tempada 25/26, poñéndose desta forma ao día cos accionistas.
O que non está previsto é nomear a novos conselleiros, tras o recente cese/dimisión dos representantes do sector opositor.
A orde do día completa da Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas é a seguinte:
Primeiro- Informe da Presidenta sobre a tempada finalizada a 30 de xuño de 2025.
Segundo- Exame e aprobación, se procede, das contas do exercicio económico pechado a 30 de xuño de 2025, relativo á tempada 2024/2025 (balance de situación, conta de perdas e ganancias e memoria), do informe de xestión da Sociedade e da xestión do seu órgano de administración, correspondentes ao exercicio social pechado a 30 de xuño de 2025.
Terceiro- Aplicación do resultado do exercicio social pechado a 30 de xuño de 2025.
Cuarto- Exposición e aprobación do orzamento do club 2025/2026.
Quinto- Proposición de renovación do Auditor de contas da Sociedade para o exercicio 2025/2026.
Sexto- Delegación das Facultades que sexan oportunas na Presidenta para a plena execución, e formalización, dos anteriores acordos da Xunta.
Sétimo- Rogos e Preguntas