Correctivo para o Poio Pescamar en Murcia (4-1)

Poio
07 de abril 2018

As vermellas víronse superadas pola intensidade do Jimbee Roldán, que demostrou o porqué da súa boa clasificación, e non puideron celebrar con vitoria o seu recente título na Copa Galicia

Partido entre Poio Pescamar e Jimbee Roldán na Seca Diego Torrado

Non puido celebrar cunha vitoria na liga o Poio Pescamar o seu recente título de Copa Galicia, ao caer derrotado con claridade este sábado na pista do Jimbee Roldán (4-1).

O conxunto murciano demostrou o porqué da súa boa clasificación na táboa, pelexando polo liderado, e dominou o xogo desde o inicio grazas á súa mobilidade na parte alta da cancha.

O Poio defendíase con criterio e tentaba saír ao contragolpe pero sen acerto. Era un duelo intenso que non comezou a decantarse ata o minuto 12 de xogo, no que Vanessa Pereira roubou un balón e superou a Silvia cun forte disparo para facer o primeiro gol do encontro.

Coas locais en 5 faltas, as xogadoras adestradas por Marcio Santos adiantaron liñas en busca da igualada sen premio. Si puido anotar o Roldán nun dobre penalti detido por Silvia, pero a gardameta pontevedresa non podería facer nada xusto antes do descanso para deter o 2-0 de Mayte Mateo nun remate ao segundo pau.

A segunda metade iniciouse accidentada por culpa de pingueiras no pavillón, e aos 4 minutos da continuación Mayte Mateo encarrilaba o encontro co terceiro superando a Silvia nun remate de cabeza.

A situación era delicada para o Poio Pescamar, e Marcio optaba polo xogo de cinco a 11 minutos da conclusión. Con todo o que chegaría sería o cuarto das murcianas por medio de Vanessa Pereira. Pese ao resultado as vermellas seguiron insistindo e xa no último minuto maquillaron o marcador cun gol de Jenny Lores nunha boa combinación de ataque.

A pesar deste resultado o Poio Pescamar mantense na sétima praza da clasificación con 36 puntos.

JIMBEE ROLDÁN (4): Ana Etayo, Vanesa Pereira, Consuelo, Mayte Mateo, Ángela -cinco inicial- Bet, Mirian, Inma Sojo, Alba Gandía, Clara, Coke.

POIO PESCAMAR (1): Silvia, Jenny Lores, Ceci, Ale de Paz, Iria -cinco inicial- Daniella, Delise, Carol, Alejandra, Mónica.

Árbitros: Alejandro Martínez e Antonio Navarro. Amoestaron a Consuelo e Alba Gandía no Roldán e a Delise e Jenny Lores no Poio Pescamar.

Goles: 1-0 Vanessa Pereira (min.12), 2-0 Mayte Mateo (min.20), 3-0 Mayte Mateo (min.24), 4-0 Vanessa Pereira (min.32), 4-1 Jenny Lores (min.40).

Incidencias: Partido da Primera División de Fútbol Sala disputado no Pabellón Municipal Gabriel Pérez de Roldán, Murcia.