A Sociedad Deportiva Teucro confirmou a renovación e ascenso desde o filial ao primeiro equipo de Cristian Remeseiro.
O extremo esquerdo convértese así no cuarto xogador que a pasada campaña pertencía ao filial e que será integrante para todos os efectos do plantel de División de Honra Prata.
Remeseiro cumprirá así o seu cuarto ano no club, ao que chegou en idade xuvenil e no que foi ascendendo ata compaxinar aparicións co primeiro e segundo equipo nos últimos meses.
"Seguirá formándose e collerá experiencia para converterse nun xogador fundamental para o club", sinala o Teucro sobre os obxectivos que persegue esta renovación.
O xogador pola súa banda asegura que "formar parte do primeiro equipo é o obxectivo que buscaba e quería conseguir desde que cheguei aquí". Agora, conseguido ese particular ascenso, xa pensa nunha tempada que "vai ser como a do ano pasado, moi dura e moi igualada, máis se cabe con está especie de Maind Round que se xoga este ano e que nos obriga a ser regulares", explicou tras a súa renovación.
Cristian Remesiero é a novena peza confirmada no equipo que dirixirá Irene Vilaboa, uníndose á lista que xa formaban Roi Sierra, Jacobo Río, David Rey, Samuel Pereiro, Marko Dzokic, Caüe Herrera, Miguel Sío e Víctor Deco.