Cuarta fichaxe do Poio Pescamar, que avanza sen descanso na confección do seu novo plantel.
Trátase ademais dunha incorporación de nivel, dunha futbolista internacional por Portugal e que vén de completar a última tempada co Burela.
De feito este último curso proclamouse co cadro laranxa campioa da Copa da Raíña.
A nova incorporación é Débora Lavrador, futbolista 'universal' en canto á súa posición na pista e coa que o conxunto conserveiro quere incrementar o nivel do próximo proxecto deportivo.
Ademais da súa última campaña en Burela, Lavrador conta con pasado no Marín Futsal, club co que deu o salto a España na tempada 23-24 tras unha importante traxectoria no seu país nas filas de Benfica ou Sporting de Portugal.
Coa súa chegada son xa once as xogadoras confirmadas polo Poio Pescamar para a próxima tempada.
Por unha banda Débora únese ás tamén fichadas Noelia Montoro, Carolina Bravo e Yanira.
Polo outro completan a nómina de futbolistas con praza asegurada as renovadas Miri, Candela, Elena González, Ale de Paz, Martita, Èlia e Chuli.