Cuarto posto na Copa de Europa de Lanzamentos para Diego Casas, atleta da Gimnástica

Pontevedra
10 de maio 2021

O lanzador valisoletano bateu en Croacia a súa mellor marca persoal cun lanzamento de 57.40 metros

Diego Casas, atleta da Gimnástica, antes de competir na Copa de Europa en Split Sociedad Gimnástica

Boa fin de semana para a Sociedad Gimnástica, con varios resultados destacados empezando pola participación do seu lanzador Diego Casas na Copa de Europa de Lanzamentos que se disputou en Split, Croacia.

O atleta valisoletano asinou un gran cuarto posto batendo ademais a súa mellor marca persoal, o que fixo no seu segundo intento cunha marca de 57.40 metros que lle deixou a 31 centímetros do bronce.

O rexistro supón ademais récord do club pontevedrés, e tamén de Castela-León en categoría sub-23. A pesar diso Casas recoñeceu tras a proba que "ha sido un poco agridulce".

"Contento por la marca personal y por las sensaciones, aunque han faltado unos centímetros para el tercer puesto. Pero bueno aún queda mucha temporada y sabemos que podemos mejorar las marcas", sinalou en declaracións recollidas pola Real Federación Española de Atletismo tras o seu debut como internacional.

A súa próxima internacionalidade será o Campionato de Europa Sub-23, do 8 ao 11 de xuño en Bergen, Noruega.

 

ANTÍA E DANIEL CHAMOSA, CAMPIÓNS GALEGOS DE MARCHA

Outro dos puntos de atención da Gimnástica estivo na Pobra do Caramiñal, lugar no que se celebrou o Campionato Galego de Marcha en Ruta.

Daniel Chamosa, en categoría masculina e Antía Chamosa, na feminina, gañaron na proba absoluta de 10 quilómetros, logrando Antía ademais bater o récord autonómico sub-23 cun tempo de 46:49, que demostra o seu bo momento de forma antes de afrontar un reto como a Copa de Europa que terá lugar o 16 de maio en Podebrady (República Checa). Pola súa banda Daniel impúxose cunha marca de 42:34.

Ademais dos irmáns Roi Surribas conseguiu un segundo posto en categoría  sub-20 e Anxo Jamardo quedou ás portas do podio en sub-14.