Cume en Pasarón co futuro de Jesús Ramos no aire

Pontevedra
06 de febreiro 2021

Responsables do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol reuníronse nada máis terminar o encontro ante o Zamora para valorar a marcha do equipo e a conveniencia de realizar un cambio no banco relevando a Jesús Ramos

Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

A derrota contra o Zamora pode ser a pinga que colme o vaso da paciencia do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol.

Nada máis concluír o partido os dirixentes granates reuníronse de urxencia para valorar a actual marcha do equipo e se é conveniente afrontar unha substitución no banco en detrimento de Jesús Ramos.

Sete xornadas consecutivas sen gañar son xa unha laxa pesada para o técnico marinense, un home da casa que asumiu no verán o reto de comandar un proxecto que aspiraba a pelexar polo ascenso de categoría e que agora ve seriamente comprometidas as súas opcións mesmo de meterse na Segunda B PRO ou Primeira RFEF a próxima campaña.

O tempo xoga ademais en contra para o Pontevedra, xa que o vindeiro mércores afrontará un novo partido de liga en Pasarón, o duelo aprazado no seu día ante o Guijuelo.