Primeira xornada no Campionato de España Absoluto de Atletismo de Tarragona e primeira medalla pontevedresa.
A honra recaeu no marchador Daniel Chamosa, da Sociedad Gimnástica, nunha das primeiras probas do nacional, os 10.000 metros marcha.
Chamosa, en plena preparación para o que será en setembro o seu primeiro Mundial coa Selección Española, en Tokio, quedou en Tarragona a apenas 10 segundos da súa mellor marca persoal.
Entrou na meta cun tempo de 39:38.75, en terceira posición.
O ouro levoullo Paul Mcgrath cun tempo estratosférico, a súa mellor marca persoal e a terceira marca española da historia (38:49.76), mentres que a medalla de prata recaeu en Diego García (39:24.69).
Tras a medalla de bronce de Dani Chamosa, as miradas viran agora cara á súa irmá, Antía Chamosa, un dos nomes a seguir nos 10.000 marcha femininos previstos para este sábado 2 de agosto (9:50 horas). Unha proba por certo na que tamén participará a súa compañeira de club Alba Nieto.