Finalizada a primeira fase da tempada certificando o primeiro e gran obxectivo da tempada, a permanencia na Superdivisión masculina, o Tenis de Mesa Monte Porreiro prepárase para afrontar sen presión pero con toda a ilusión do mundo a súa presenza no play-off polo título de liga.
O club pontevedrés xa coñece que camiño lle espera nesa loita, que comezará cun dobre enfrontamento a ida e volta fronte ao segundo clasificado do Grupo 2, o Hortitec Alzira.
O primeiro deses encontros celebrarase en Pontevedra o domingo 27 de febreiro, mentres que a volta fixouse para o sábado 19 de marzo, unha dobre cita que no caso de empate decidirase polo equipo que acumule un maior número de xogos ou de puntos.
Superar positivamente esta rolda achegaría a segunda meta da tempada para o Monte Porreiro, a de tentar situarse entre os seis mellores equipos da tempada para conseguir un billete que lle permita disputar por segunda vez na súa historia competición europea.
Tras o Hortitec Alzira os de Nando Álvarez deberán medirse ante o vencedor ou perdedor, en función do seu propio resultado, do duelo entre Universidad de Burgos e Asisa Borges Vall, tamén a ida e volta os días 2 e 9 de abril.
Pola súa banda a eliminatoria final, que decidirá o campión pero tamén os postos ata o oitavo clasificado, disputarase terá lugar os días 23 e 30 de abril.