"Devastados" no Pontevedra coa lesión de Tiago

Pontevedra
06 de febreiro 2026

O adestrador do Pontevedra, Rubén Domínguez, resumiu o sentir no plantel e club pola grave lesión do centrocampista. "Cremos que igual o día de Arenteiro puido ser o tema", recoñece

Rubén Domínguez, no partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Eibar en Pasarón

A grave lesión de Tiago Rodríguez caeu como un xerro de auga fría no Pontevedra Club de Fútbol, do mesmo xeito que aconteceu hai meses con Juanra.

"Estamos devastados", recoñeceu este venres desde a sala de prensa de Pasarón o adestrador dos granates, Rubén Domínguez.

"Este ano que parece que estaba a gozar. El sentía que atopara o seu sitio, todo o potencial que ten, que sabiamos que tiña, estaba a demostralo e é unha pena, porque hai outros futbolistas que non valoran o que teñen, que non lle dan importancia á súa profesión, que pensan que llo teñen que regalar todo, e a este rapaz ninguén lle regalou nada, todo o que conseguiu gañouno el e dáme moitísima pena", afirmou o técnico.

O xeonllo de Tiago dixo basta en Talavera tras dúas xornadas xogando con dor, pero "cremos que igual o día de Arenteiro puido ser o tema", explicou Domínguez.

Nese sentido Rubén defendeu ademais que "ao final isto é unha cadea, todos decidimos en conxunto, e pasou unha desgraza".

Mirando cara ao futuro a baixa de longa duración do centrocampista, que non volverá xogar esta tempada, abriu un período de reflexión interna no Pontevedra.

"Está claro que agora temos que revalorar o mercado e igual hai que volver actuar", avanzou o adestrador ante unha lesión que "nos deixa no caixón de saída do mercado" despois de decidir no seu momento reforzarse cun centrocampista como foi Rubén López.

ENFERMARÍA

Rubén Domínguez tamén repasou na súa comparecencia o estado da enfermaría granate, na que tamén permanencen o capitán Álex González xunto a Alain Ribeiro.

"Con Álex a ver se esta semana damos co tratamento definitivo, porque ao final a súa lesión é unha cousa especial. Pero a ver se somos capaces de recuperalo canto antes", explicou engadindo que no caso de Alain "o normal é que queden entre 2 ou 3 semanas, porque ao final ten unha roturiña no abdutor".