Diego Enjamio convértese na segunda incorporación do Arosa

O Salnés
13 de xuño 2023

O centrocampista santiagués é a segunda fichaxe estival do club arlequinado, un xogador "box to box, con facilidade para xogar coas dúas pernas e polivalente", explica a entidade de Vilagarcía

Presentación de Diego Enjamio como xogador do Arosa Arosa SC

O Arosa avanza con paso firme na súa planificación deportiva, e este martes anunciou o que é a súa segunda fichaxe estival.

Trátase de Diego Enjamio, centrocampista santiagués de 28 anos que desenvolveu gran parte da súa carreira deportiva no Arzúa en Terceira División, aínda que esta última campaña tras finalizar a liga de Terceira RFEF reforzou ao CD Lalín para tentar axudarlles a conseguir o ascenso a Preferente.

Enjamio, define o propio Arosa, é un xogador "box to box, con facilidade para xogar coas dúas pernas e polivalente".

En canto ao futbolista, asegura que o do equipo da Lomba é un "proxecto sólido e continuista" que considera como "unha oportunidade de dar un paso adiante e pelexar por cousas bonitas".

Diego Enjamio únese á lista de fichados a Antón Concheiro, e aos xa renovados Manu Táboas, Sergio Cotilla, Santi Figueroa, Pacheco, Nacho Carús, Martín Sánchez, Brais Pedreira, Brais Vidal, Iñaki Martínez, Borja Míguez e Sylla.