Dobre medalla de ouro para Lydia Pérez na primeira gran competición da tempada

Pontevedra
23 de novembro 2016

A deportista pontevedresa acudiu coa Selección Española de Loita ao Campionato do Mediterráneo, que contaba con máis de 250 inscritos procedentes de 15 países

Lydia Pérez (con diploma na fila inferior) tras participar no Campionato do Mediterráneo Federación Galega de Loitas Olímpicas

A primeira gran cita internacional da tempada non puido resultar máis positiva para Lydia Pérez Touriño.

A deportista do Club Loita Pontevedra conseguiu dúas medallas de ouro no Campionato do Mediterráneo de Loitas Olímpicas, celebrado a pasada fin de semana na sede madrileña do Consello Superior de Deportes.

Lydia, que participou na competición dentro do equipo nacional, proclamouse campioa na categoría junior (59 quilos) e na senior (58 quilos), no que supón un paso máis na súa proxección internacional.

No Campionato do Mediterráneo participaron máis de 250 deportistas de 15 países, sendo Galicia unha das comunidades máis representadas na Selección Española, como demostra que seis dos deportistas convocados adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.