Dúas vitorias e unha derrota na estrea da tempada do Bádminton Pontevedra na Primeira Nacional

Pontevedra
07 de outubro 2019

O conxunto pontevedrés, que parte co obxectivo de pelexar polos postos de honra da categoría, desprazouse ata a localidade catalá de Granollers para afrontar as tres primeiras xornadas de liga

Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra na xornada de liga en Granollers Club Bádminton Ravachol Pontevedra

A liga de Primeira Nacional deu comezo para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra cunha tripla xornada celebrada na localidade catalá de Granollers.

Ante a baixa de última hora de Noelia Gestoso por enfermidade, o equipo pontevedrés afrontou a competición con Manuel Brea, Ana Carbón, Miguel Sanluis, Amaia Torralba e os capitáns Alejandro Nogueira e Raquel Miguens, conseguindo sumar dous triunfos e encaixando unha derrota.

O primeiro rival do Ravachol foi o CB Granada, recentemente ascendido á categoría. Tras un dobres mixto de máxima igualdade, o primeiro punto caeu ao lado granadino, pero a remontada chegou cos dobres de Miguens e Carbón no feminino e Nogueira e Sanluis no masculino. Os andaluces puxeron de novo as táboas no primeiro individual, pero Nogueira, Ana Carbón e Manuel Brea puxeron o definitivo 5-2 no marcador.

O seguinte rival era o Club Universidad de Valladolid, que puxo as cousas difíciles aos pontevedreses, xa que se adiantaron por 2-3 deixando sen marxe de erro ao equipo nos últimos partidos, nos que Carbón e Brea venceron para conseguir o segundo triunfo da competición.

Por último a derrota chegaría ante o CB Oviedo B, que de inicio marcou un 0-3 que deixaba contra as cordas ao Bádminton Pontevedra. De novo Carbón e Brea liquidaron os seus partidos e facían respirar ao equipo, pero Raquel Miguens non puido vencer a Laura Álvarez noutro partido de infarto que supuxo a derrota.

Con estes resultados, o Ravachol colócase sétimo na clasificación á espera da seguinte xornada, que se disputará en Granada os días 2 e 3 de novembro.