Pleno do Bádminton Ravachol na segunda xornada de Primeira Nacional

Pontevedra
05 de novembro 2019

O conxunto pontevedrés toma impulso na clasificación da categoría tras vencer a fin de semana en Granada o CB Paracuellos, o CB Eivissa e o CB Granollers

Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra na xornada de liga en Granada
Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra na xornada de liga en Granada / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bábminton Ravachol Pontevedra dispárase na clasificación da Primeira Nacional despois dos grandes resultados conseguidos polo equipo en Granada na segunda xornada da competición.

Os pontevedreses, que conseguiran 6 puntos de 9 posibles na primeira xornada, enfrontábase esta vez a rivais de gran nivel como o CB Paracuellos, o CB Ibiza e o CB Granollers, conseguindo un pleno de triunfos.

O primeiro enfrontamento sería ante o Paracuellos, conxunto da zona alta e rival directo ao que superaron por un solvente 5-2. Empezaron con todo perdendo o primeiro punto, pero reaccionaron para dominar grazas aos puntos conseguidos o dobres feminino de Ana Carbón e Raquel Miguens e o dobres masculino de Alejandro Nogueira e Manuel Brea. Despois, xa nos individuais Ana Carbón, Manuel Brea e Raquel Miguens sentenciaron con senllos triunfos.

O mesmo resultado, 5-2, reflectiu o marcador contra o CB Ibiza. Nesta ocasión, Manuel Brea e Noelia Gestoso venceron o dobres mixto a Marcos Rodríguez e Paula Llavero, Ana Carbón e Noelia Gestoso venceron a Inés Piñas e Abril Ramón, Alejandro Nogueira e Miguel Sanluis non puideron con Javier Abián e Iván Gallardo, e na rolda de individuais, derrota de Raquel Miguens e vitorias de Alejandro Nogueira, Ana Carbón e Manuel Brea para pechar o marcador.

Por último quedaba o prato forte, un dos enfrontamentos cualificados como clave na pelexa polo ascenso ao ter como adversario ao CB Granollers, recentemente descendido de División de Honra. Comezou o dobres mixto co igualado enfrontamento entre Manuel Brea e Noelia Gestoso contra Bernat Amaya e Marta González, que se decantou en favor dos pontevedreses. Despois o dobres feminino iniciábase con superioridade de Ana Carbón e Noelia Gestoso ante as irmás Blanca e Lara Lucas, aínda que estas reaccionaron para finalmente levar o partido, mentres que o dobres masculino comezou co marcador en contra para Alejandro Nogueira e Miguel Sanluis ante Carlos Piris e Bernat Amaya e terminou supoñendo outra derrota que poñía un complicado 1-2.

A situación complicouse co inicio dos individuais debido á derrota de Raquel Miguens ante Lara Lucas, deixando un 1-3 que non permitía máis erros, pero cando pintaban bastos chegaron as vitorias de Alejandro Nogueira sobre Armand Rodríguez e de Ana Carbón sobre Blanca Lucas empataban o marcador. Todo se xogaría no último partido, e aí Manuel Brea foi capaz de dar o punto definitivo vencendo a Carlos Piris.

"Como adestrador facía tempo que non vivía un encontro tan emocionante como o de Granollers, todos os partidos puideron caer para calquera equipo pero o nivel dos nosos xogadores impúxose, é unha vitoria que vale máis que tres puntos, a motivación e os ánimos dos xogadores están polas nubes e dános ás para afrontar o resto da liga con moita ilusión", recoñeceu o preperador do equipo, Jesús Pereiro.

Os 9 puntos conseguidos polo Ravachol impulsan aos pontevedreses ata a terceira posición da táboa, empatados a puntos co segundo, sendo a seguinte xornada de liga a prevista os días 14 e 15 de decembro en Estella, Navarra.